sábado, 8 de mayo de 2010

IDENTIDAD por Piero Galasso

Sempre é a mesma esmorga. Cando era un cativo e meus pais coidaron que sería bon para mín ser agasallado cunha formación escolar na cidade da Coruña, eu de seguro que non dixen nada na súa contra,non me opuxen. Mais no momento de pisa-lo aula ateigado de algúns meniños ledos por comeza-la escola e de outros moitos aqueloutrados por deixa-la estabilidade da teta, aquel peque no neno viuse fodido por unha situación abraiante. Todos aqueles nenos eran castelánparlantes e o neno que segue a bulir en mín era, e segue sendo, galegoparlante de pro. No intre no que a timidade natural de cuna esvaeceuse e as verbas galegas sairon entre os meus beizos, aqueles raparigos estranáronse e comenzaron a dicir que a xente que emprega o galego para comunicárense son unhos pailáns. Certo é que no meu miolo non xurdiu ese MANDA CARALLO que agora empregaría coma unha labazada, mais sempre me fodeu e me tocou a gaita o aquel ise. Dende aquela, empreguei o galego na miña zona,cos meus e cos meus semellantes de aldea e pobo e o castelán coa xente da cidade. Poderíamos dicir que o meu órgano intelectual bifurcouse en dúas linguas, mais o galego sempre será a raíña entre toda-las linguas. Tamén é verdade que o feito da maioría absoluta do castelán entre eses nenos permitiume achar unha soltura co castelán dun xeito que me posibilita desenvolverme sen reparo algún. Pola outra banda, está ese runxe runxe que di que houbo moreas de xente que morreron coma cans por mor desta fermosa lingua e outros moitos que a mantiveron de costas á autoridade poñendo na corda frouxa as súas vidas só por manteren os costumes dos seus pais ,avos e bisavós, por manteren o seu propio ADN. A través das cantigas,panxoliñas e retrancas e demais andainas, o galego sobreviviu ata o día de hoxe.Con isto, un pode coñece-la mentalidade dun pobo que sufriu coma tantos outros pobos devanceiros ao noso.O galego, dende o seu lusco, foi unha lingua que sufriu,entrou en oscuridade, amolouse por e con nós e rexurdiu coa forza adoitada e coas Follas Novas dunha muller de raza semellante á propia lingua galega. Dese xeito , un non atura que aínda atope persoas nadas na nosa querida terra que non lle queiran con paixón á lingua que xenera resposta á pregunta sobre a identidade da nosa xente. A lingua, a verba , o corazón e os feitos históricos que trenzan a irmandade galega son os nosos pais, o noso patrimonio. Son as cousas que che din a tí quen és e de quen ves sendo e se ollas ao futuro non saberás unha merda, mais o que sabes de seguro é que és dunha terra que loitou por ti e que te cubre coma a carapola cando tes unha ferida chorando sangue. A miña fermosa e querida terra galega o os seus quedos emigrantes de testa choran bágoas de lembranza por aqueles fillos que os ollan dende a distancia namentres tentan ouvi-la cantiga dos rumorosos da costa verdecente.



Piero Galasso

No hay comentarios:

Publicar un comentario